Monday 06 de May de 2024

O Concello de Fene encárgalle á SOGAPS un lote de 6.000 cubrebocas para distribuílos de balde entre todas as persoas maiores e a rapazada do municipio


As máscaras infantís terán unha talla adaptada aos nenos e nenas e virán estampadas con motivos vistosos

O Concello de Fene e maila asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí alcanzaron esta mañá un acordo para que esta entidade lle subministre á Administración local un lote de 6.000 máscaras de protección fabricadas pola súa rede de voluntarios e empresas colaboradoras. A SOGAPS xa achegou onte 100 cubrebocas cosidos en tea lavable que se distribuirán entre o pequeno comercio local. Agora o Concello dá un paso máis cun pedido formal e de maior envergadura que permitirá achegarlle unha destas máscaras a todas as persoas maiores de 60 anos -principal grupo de risco- e tamén aos nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, para quen se encargou unha tallaxe algo máis pequena e cun deseño de cores e motivos variados.Agárdase que este lote poida estar en Fene cara a finais da semana que vén para iniciar o seu reparto a través de Correos.

Para establecer o número de cubrebocas que se van repartir, o Concello revisou o padrón municipal centrándose en todas aquelas persoas que tivesen 60 ou máis anos, entre as que se repartirán arredor de 5.000 máscaras.

Este grupo de poboación é un dos que máis risco de complicacións presenta ante posibles contaxios do coronavirus, ao igual que as persoas con problemas respiratorios, cardiovasculares ou coas defensas baixas. Esa é a razón de que a Administración local vaia distribuír a maioría dos cubrebocas, deixando unha pequena partida para persoas que, aínda non tendo esa idade mínima, se atopen nunha situación de risco.

O outro sector da poboación ao que se lles fará chegar as máscaras son os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Se ben aínda non hai unha investigación que dea resultados concluíntes, “algunhas publicacións apuntan cara a unha posible transmisión do virus a partir de nenos asintómaticos”, tal e como se suxire nun dos documentos técnicos publicados polo Ministerio de Sanidade para a atención pediátrica.

Os pequenos tamén se poden contaxiar de coronavirus, pero a incidencia da COVID-19 é mínima e incluso pode non presentar sinais, de aí que o Concello tamén incluíse a rapazada como outro dos grupos destinatarios do lote de cubreboca, pensando ademais na posibilidade de que tralo 26 de abril poidan aliviarse as medidas de confinamento autorizando saídas cunha protección respiratoria axeitada.

En total faranse chegar aos domicilios un número próximo ás 1.000 máscaras hixiénicas, número coincidente co padrón municipal nesa franxa de idades. Porén, as de Fene terán como novidade que se fabricarán con materiais igualmente resistentes pero cunha tallaxe máis reducida e con teas estampadas en cores vivas e motivos distintos. A intención municipal é que os nenos e nenas, que tamén forman parte activa na loita contra a pandemia, teñan unha mellor predisposición para levalas como complemento da súa vestimenta.

As máscaras fabricadas pola rede de colaboradores e colaboradoras da SOGAPS teñen tres capas de tecido, incluído o filtro. Poden lavarse en auga quente a máis de 60º alomenos un cento de veces sen perder propiedades e, ademais, contan coa certificación do SERGAS como barreira axeitada para evitar a saída de partículas no caso de que se esbirre ou se tusa levándoas postas. De feito, o Concello entregará estas remesas coas miras postas na situación actual, pero tamén na posible obrigatoriedade de levar este tipo de protección durante varias semanas despois de que se levante o Estado de Alarma.

A entrega da partida de 6.000 máscaras hixiénicas que se recibirán a semana que vén farase cun envío personalizado aos enderezos que figuran no padrón municipal. Da distribución encargarase Correos sen ningún tipo de custe para o Concello.

O Concello de Fene quere agradecer o labor de SOGAPS e tamén o feito de que vaia subministrar os cubrebocas cobrando unicamente os custes de fabricación, que ascenden a 1,5€ por unidade. A Administración local recorda que o uso das máscaras debe ir acompañado sempre das máis estrictas medidas de hixiene: lavar as mans frecuentemente, non tocar os ollos, a boca ou o nariz, esbirrar ou tusir contra panos desbotables ou contra o interior do cóbado e, se se leva máscara, manipulala o menos posible e sempre coas mans desinfectadas ao poñela ou sacala.